Sunday 05 de May de 2024

O Planetario acolle ‘Explorando o Sistema Solar’, un percorrido por lugares apenas explorados


Haberá sesións diarias ás 13.00 e ás 18.00 horas

O Concello, a través da área de Cultura que dirixe Ana Fernández, informa da estrea, no Planetario da Casa das Ciencias, de Explorando o Sistema Solar, un audiovisual deseñado especificamente para a súa proxección na cúpula de planetarios dixitais. Presenta un percorrido por algúns lugares do Sistema Solar que, a pesar da súa relativa proximidade á Terra, apenas foron explorados ata agora.
Así, se poderán observar paisaxes inéditas da Lúa, descender pola densa atmosfera de Venus e penetrar nos tubos volcánicos de Marte. A iniciativa tamén achegará aos espectadores a algúns cometas e asteroides que ocasionalmente visitan o interior do Sistema Solar.
O programa ten unha duración de 20 minutos e compleméntase cunha presentación en directo sobre o ceo que se pode ver estas semanas dende A Coruña.
Explorando o Sistema Solar foi desenvolvido polo Instituto de Astrofísica de Canarias (IAC), o Centro Estremeño de Tecnoloxías Avanzadas (CETA-CIEMAT) e a produtora Eurocosmos, con financiamento da Fundación Española de Ciencia e Tecnoloxía (FECYT).
Máis información: http://es.mc2coruna.org/2014/12/explorando-el-sistema-solar.html
Sesións en Nadal:
Dende hoxe incorpórase á programación do Planetario, con dúas sesións a diario, ás 13.00 e 18.00 horas (25 de decembro pechado). Do 2 ao 7 de xaneiro, de luns a venres ás 13.00 horas; sábado e domingo ás 13.00 e 18.00 horas (1 e 6 de xaneiro pechado).